O BNG de Corcubión denuncia a supresión dos Partidos Xudiciais.

O BNG de Corcubión denuncia a supresión dos Partidos Xudiciais.

O BNG de Corcubión  amosa o seu total rexeitamento a unha proposta de reforma da xustiza que está a provocar unha grande alarma social e as críticas de xuíces, avogados, profesionais do ámbito da xustiza, organizacións políticas e sociais por un modelo que suporía a eliminación de todos os partidos xudiciais.

 

O BNG pediu en Outubro do pasado ano por medio dunha proposición non de lei no Congreso dos Deputados a retirada da proposta de modificación da Demarcación de Planta que propón a supresión de todos os partidos xudiciais, e concentrar as sedes nas capitais de provincia, proposta que o PP impediu que se aprobase.

 

Do mesmo xeito, ao igual que se fixo no resto dos concellos de Galiza, o BNG de Corcubión presentou en Xuño do pasado ano unha moción para pedir a retirada desta lei tan lesiva para os e as cidadáns . Cabe dicir que unha vez máis o PP votou en contra, demostrando novamente que os interese de Madrid están para eles por riba dos intereses  dos veciños e veciñas de Corcubión

 

O BNG recorda que a proposta do PP suprimirá 45 partidos xudiciais en Galiza, entre eles o de Corcubión. Pensamos que esta  proposta é inasumíbel, reforza unha estrutura provincial e centralista e obvia as particularidades territoriais, sociais e demográficas. Por riba, para Galiza é doblemente lesiva polo alto grao de dispersión poboacional existente. Esta reforma significará alonxar a xustiza da cidadanía.

 

Sinalamos tamén, que Corcubión está sendo especialmente castigado nos últimos anos, xa que a medidas como a da supresión dos xulgados xúntanse outras como a eliminación que está facendo o goberno de unha maneira sibilina e polas costas do Centro de Atención da Seguridade Social (CAISS) denunciada polos propios traballadores e traballadoras, e que podería levar nun futuro a tamén desaparición das oficinas da Tesourería da Seguridade Social.