O BNG presenta alegacións á aprobación inicial do Plan Especial da Reforma Interior de Galiña Branca

O BNG presenta alegacións á aprobación inicial do Plan Especial da Reforma Interior de Galiña Branca

O BNG de Corcubión vén de presentar alegacións á “aprobación inicial do Plan Especial de Reforma Interior da parcela denominada Galiña Blanca en Quenxe”  como  xa fixeramos no ano 2010 no período de consultas sobre o trámite para someter ou non a “Avaliación Ambiental Estratéxica o PERI en Quenxe.”

 

O Goberno municipal parece estar moi interesado en que esta reforma vaia adiante xa que non presentan nin unha soa alegación a pesar de que o informe oculta información, e de que esta futura urbanización acabaría cunha das poucas zonas verdes que quedan  no casco urbano.

No Informe de Sostibilidade  Ambiental a promotora Inmobiliaria Sicar S.L. opta por dar datos falsos ao falar de incremento poboacional de Corcubión, cando a realidade é que Corcubión leva varios anos perdendo poboación.

 

A promotora oculta e non identifica a praia de Quenxe como elemento de interese paisaxístico, e indica que as actuacións son fóra da franxa do litoral, cando son ao mesmo pé da praia

 

Tampouco ten en consideración elementos patrimoniais nas súas proximidades coma as antigas fábricas de salgado ao borde do litoral situadas  a menos de 200m. da parcela, e que foron no seu día propiedade dos mesmos promotores deste PERI, así como tampouco se identifica o pequeno porto que daba servizo ás instalacións da antiga empresa de carbóns, hoxe museo Seno marítimo de Corcubión, situada dentro da parcela e identificada.

 

Non valora o estudo a desordenación sufrida na zona de Quenxe co “boom” da construción, centrándose exclusivamente na parcela concreta e non na contorna.

 

A promotora Inmobiliaria Sicar S.L. non menciona a cantidade de vivendas baleiras que hai no concello e, como colofón para xustificar o inxustificable, falan do aumento poboacional de Cee, cando a parcela está en Corcubión; esquecéndose tamén de que en Cee hai unha gran cantidade de vivendas baleiras.

 

Por último, queremos expoñer  que non se coñece  ningunha promoción de vivendas da promotora Inmobiliaria Sicar S.L. dende a súa existencia, polo que deducimos que esta empresa se dedica única e exclusivamente a especular co solo e coa vivenda, xa que non hai outra forma de entender  o interese  en establecer un prazo de 10 anos para a execución das obras de urbanización.

 

Por todo isto o BNG denuncia que detrás  só hai un un interese especulativo por parte da promotora coa connivencia do Goberno Municipal   no uso do  solo. Dende o BNG  reiteramos que esa parcela debe ser obxecto dun Plan Especial de Protección,  que se destine a espazo verde e se garanta a salvagarda dos seus valores paisaxísticos e patrimoniais, tal e como considera a Xunta de Galicia no informe sobre o anteproxecto do PXOM, e tal como o BNG prometía no seu programa eleitoral.