Oscar Insua deixa a portavocia do BNG

Oscar Insua deixa a portavocia do BNG

    Corcubión,  11 de maio de 2013.      

 No día de onte, o concelleiro e portavoz do BNG en Corcubión, comunicou a súa renuncia “como concelleiro na Corporación municipal por razóns estrictamente profesionais, dado que o obrigarán a non poder ficar permanentemente no termo municipal e dedicarlle o tempo necesario e merecido ás responsabilidades políticas que lle confiaron”. Con estas palabras, Insua deixa tras de si seis anos de intenso traballo defendendo os intereses dos veciños e veciñas do pobo, casi un ano con responsabilidades de goberno, e cinco na outra banda da Corporación. A esta actividade hai que sumarlle as responsabilidades orgánicas que compaxinou na localidade e na comarca e formando parte nos últimos anos do Consello Nacional . O BNG de Corcubión dará a coñecer a vindeira semana a restructuración orgánica e do novo grupo municipal.

Ao respecto, Oscar Insua manifestou que “Agradezo de corazón a confianza depositada en min polos meus compañeiros e polos veciños para defender os intereses do noso pobo dende o BNG nestes últimos anos, e tamén pido desculpas polos erros que puidera cometer.”. Insua xustificou que “levo moitos anos de dedicación ao BNG e á outras organizacións nacionalistas, xa dende a universidade, e agora preciso dun tempo para dedicarllo ao meu futuro profesional que non pode esperar máis”. Tamén engadiu que “ é como pedir unha excedencia, pois os que levamos dentro esta vocación nunca deixaremos de ser políticos, e estaremos sempre a disposición do BNG, porque iso si, eu fico no Bloque Nacionalista Galego, porque acredito nel e cada día estou máis convencido que as nosas propostas son as mellores para o futuro da nosa nación”. Por último, Oscar Insua manifestou que “agradezo a compresión dos meus compañeiros do BNG, marcho con certa pena pero tamén moi contento porque sei que queda un grupo municipal forte e preparado para seguir defendendo o noso programa electoral e os intereses dos nosos veciños”.