O BNG presentará no vindeiro pleno unha moción de apoio as persoas refuxiadas e migrantes en Europa

O BNG presentará no vindeiro pleno unha moción de apoio as persoas refuxiadas e migrantes en Europa

Estamos a vivir, xusto ás portas de Europa e no propio continente, unha crise humanitaria sen precedentes desde a II Guerra Mundial. A magnitude da traxedia debe impelir unha actuación urxente da Unión Europea e da comunidade internacional, para derrubar novos muros que deixen do lado de fóra a miseria e a dor provocada por eles propios.

Con efecto, a dimensión que está a alcanzar a actual crise de persoas refuxiadas e migrantes ten a súa orixe na rapina imperialista comandada polos Estados Unidos (EUA). Os EUA e os seus aliados europeos non dubidaron en levar a guerra, a morte, a destrución e a miseria a diversos países con tal de alcanzar os seus obxectivos xeoestratéxicos e espoliar os seus recursos naturais, particularmente o petróleo.

Primeiro foi o Afganistán, o Iraq, despois Libia. Agora é a Siria o albo do imperialismo. Os EUA, co inestimábel apoio de Israel e a colaboración de diversos estados europeos, organizaron, armaron e alentaron o terrorismo na Siria, incluído o chamado Estado Islámico, que agora sinalan como principal inimigo e utilizan como máis un pretexto para a súa politica intervencionista na zona. Cando non, como no caso da Turquía, como punta de lanza contra o movimento de liberación nacional do Curdistán.

As vítimas desta deshumana política imperialista son as poboacións civís destes Países. É o pobo de Iraq, de Afganistan, de Libia, de Siria, do Curdistán, tamén de Palestina. Non pode sorprender, por tanto, a vaga imensa de persoas refuxiadas -fundamentalmente sirias- que escapan da guerra e de migrantes que foxen da miseria xerada igualmente pola rapina neocolonial no Oriente Próximo e en África, coa inestimábel colaboración das elites locais.

Tamén non sorprende, infelizmente, a resposta da Europa capitalista. A grande preocupación desa Unión Europea ao servizo da oligarquía non é resolver o drama humano nin os problemas sociais, económicos ou políticos que están na súa xénese. A preocupación principal é blindarse para deixalos fóra. Utilízase o Mediterráneo como un grande foxo para defender o castelo europeo sen se preocupar, na realidade e para alén dos lamentos de rigor, cos millares de persoas mortas cada ano tentando cruzalo en condicións infrahumanas. Agora, fronte á vaga de persoas refuxiadas, levántanse novos muros. Hungría vén de fechar con rolos de arame farpado 175 quilómetros da súa fronteira con Serbia para impedir a entrada de persoas refuxiadas e migrantes. No entanto, non será esta tipo de medidas as que freen o problema.

Un dos exemplos máis evidentes do desinterese inicial da UE por resolver esta dramática situación está o facto de, após de máis dunha semana de crise humanitaria, deciden o 30 de agosto convocar unha reunión de urxencia do Consello de Ministros de Interior para o día 14 de setembro. Entre tanto, millares de persoas refuxiadas continúan a se agolpar en condicións penosas nas fronteiras ou achan a morte no Mediterráneo. Máis unha vez o capitalismo non ten alma, ten apenas carteira.

No entanto, este drama que parece deixar indiferentes os gobernos europeos, atinxe directamente a conciencia dos pobos. A xente, institucións de todo tipo e o nacionalismo galego, desde a súa consubstancial praxe internacionalista, sente como propio o drama humano, social e político que representa esta crise e por iso non podemos ficar indiferentes nin pasivos. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) exixe da Unión Europea mudar de forma radical e urxente as políticas de blindaxe por outras de axuda e acollida digna ás persoas refuxiadas e migrantes.

Aliás, o BNG quer denunciar abertamente as políticas imperialistas e de intervención militar que están detrás desta situación e defende:

Pór fin á intervención occidental na Siria en apoio dos chamados rebeldes e promover activamente o fin do conflito militar.

A retirada de todas as forzas militares norteamericanas e estranxeiras dos países de Oriente próximo e norte de África.

Respecto á soberanía dos pobos e de resolución política dos conflitos.

Unha política de paz, solidariedade e cooperación entre todos os pobos.

O dereito do pobo Curdo á liberdade e á soberanía e o respecto dese dereito por parte de todos os Estados actualmente ocupantes do Curdistán.

O dereito do pobo palestino á paz e á liberdade no seu propio Estado independente.

A solidariedade internacionalista e a acción antiimperialista en toda a Europa e en todo o mundo.

Consecuentemente, diante da traxedia que estan a vivir as persoas refuxiadas e migrantes, solicitamos do pleno da corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.- Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que asuma as súas responsabilidades con urxencia na crise humanitaria que están vivindo as persoas refuxiadas e migrantes en Europa e na contorna do Mediterráneo e que promova, no marco das institucións europeas, un xiro nas políticas de asilo e de cooperación cos países empobrecidos, e tamén demandar que rompa co coñecido como Protocolo de Dublín.

3.- Así mesmo, instar á Xunta de Galiza a que asuma as súas responsabilidades e participe facilitando os recursos e servizos necesarios para a acollida temporal de persoas refuxiadas en Galiza.

4.- Iniciar contactos coa FEGAMP e organizacións non gobernamentais que están traballando sobre esta problemática en Galiza para impulsar a creación dunha rede galega de concellos de acollida, que permita recoller a iniciativa cidadá e darlle apoio e organización e ofrecer soporte técnico.

5.- Impulsar no seo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o estabelecemento de liñas de traballo e de axudas en colaboración cos concellos para facilitar o acollemento de persoas refuxiadas.

6.- Xestionar a mobilización e disposición de créditos orzamentarios para axudar as persoas refuxiadas ou migrantes asentadas no noso concello.

7.- Trasladar este acordo ao presidente do goberno do Estado e da Xunta de Galiza.