Regulamento de Participación Cidadá.

Regulamento de Participación Cidadá.

Xa está en vigor o Regulamento de Participación Cidadá co que contamos xa no concello de Corcubión a proposta do BNG.

Dende agora todol@s veciñ@s temos voz  propia nos plenos.

 

ADMINISTRACIÓN LOCAL

MUNICIPAL

Corcubión

Anuncio de aprobación definitiva do Regulamento de participación cidadá do Concello de Corcubión

Anuncio de aprobación definitiva do Regulamento Participación Cidadá do Concello de Corcubión

Ó non presentarse reclamacións durante o prazo de exposición o público, queda automaticamente elevado a definitivo o Acordo plenario inicial, de data 26/03/2015, aprobatorio do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Corcubión, cuxo texto íntegro faise público, para o seu xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no artigo 70.2, da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

Limiar

A institución municipal constitúe o órgano de administración máis próximo aos cidadáns e na que de xeito máis directo poden ser efectivos os lexítimos dereitos destes a participar na toma de decisións sobre todos aqueles asuntos que afectan á comunidade municipal.

Para que este mecanismo funcione é preciso que a instancia política fomente a participación, a información e a transparencia na xestión, facendo así do Concello un ente aberto e democrático no que a cidadanía sinta o deber cívico de cooperar coa institución municipal na mellora das súas condicións de vida e no progreso socioeconómico do seu territorio, así como a acceder en condicións de máxima transparencia ao coñecemento da xestión e das decisións que no seu nome adoptan os seus representantes.

De non existir vías para a intervención directa de todos os veciños na construción do noso futuro como pobo, moitas posibilidades de mellora poden ser estragadas e moitas enerxías desperdiciadas. Un Concello aberto e democrático debe impulsar a acción dos cidadáns para acadar unha convivencia plena de dereitos e unha preocupación pola problemática social e cultural do noso pobo.

O Concello de Corcubión, acolléndose ás disposicións legais vixentes e como complemento a estas, pretende desenvolver unha norma que regule a participación cidadá co recoñecemento expreso dos dereitos dos veciños/as e das entidades nas que se organizan, nomeadamente, as asociacións veciñais, as entidades deportivas, culturais, xuvenís, sindicais, de protección ambiental, de igualdade da muller, profesionais, empresariais, etc. que desenvolven a súa actividade no Concello.

É indispensable que os elementos dinamizadores da vida social teñan participación activa na vida política do Concello e actúen como complemento enriquecedor da democracia representativa. Conscientes de que ao través de estes colectivos se expresa de xeito inequívoco o verdadeiro sentir da comunidade, cumpre pois regulamentar e establecer as canles para que poidan ser efectivizados os seus lexítimos dereitos a intervir e participar na toma de decisións en todos aqueles asuntos que lles afectan, así como establecer os mecanismos que garanten o seu dereito á información veraz, transparente e áxil ás que as sociedades democráticas teñen dereito.

É no nivel local onde o dereito á participación pode ser mellor exercitado, e onde é mais fácil a evolución da democracia representativa á democracia participativa.

Conscientes disto, o Concello de Corcubión elaborou o presente Regulamento que regula a participación dos e das cidadás, das entidades e das asociacións na vida municipal de Corcubión.

Por isto, e en cumprimento do mandato do artigo 70 bis apartado 1 da Lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local, o Concello pon a disposición da cidadanía todos os instrumentos normativos e materiais, ao seu alcance.

Artigo 1.–Dereito á participación.

Todas as persoas teñen dereito a intervir na xestión dos asuntos públicos locais directamente ou mediante asociacións cidadás utilizando os órganos e canles de participación establecidos nas leis e neste regulamento.

Artigo 2.–Dereito á información.

1. Todas as persoas teñen dereito a recibir información das actividades e servizos municipais, acceder aos arquivos públicos municipais e utilizar todos os medios de información xeral establecidos polo Concello.

2. O Concello facilitará o exercicio deste dereito e creará as canles de información xeral para atender as peticións de información que poida facer calquera persoa coas únicas limitacións prescritas polas leis, especialmente as que fagan referencia aos dereitos de protección da infancia e a mocidade, a intimidade das persoas ou a seguridade cidadá.

3. Cando circunstancias de interese público o aconsellen e previa conformidade do órgano municipal competente, remitiranse a toda a poboación residente no municipio os acordos e disposicións municipais, sen prexuízo da preceptiva publicación nos Boletíns Oficiais.

4. O Concello informará aos veciños/as a través dos medios de comunicación social, especialmente a través dos medios de titularidade públicas actuais e futuros, mediante a edición de publicacións, páxina web do Concello, folletos e bandos; colocación de carteis, taboleiros de anuncios, paneis informativos ou outros medios que se consideren necesarios; ao mesmo tempo poderá recoller a opinión non vinculante dos veciños/as e asociacións.

Artigo 3.–Dereito de petición.

1. Todas as persoas teñen dereito a facer peticións ou solicitudes ao goberno municipal en materias da súa competencia ou pedir aclaracións sobre as actuacións municipais, sen máis limitacións que as establecidas polas leis. Este dereito exércese utilizando calquera medio válido en dereito que permita deixar constancia fehaciente da identidade do peticionario e o obxecto da petición.

2. As peticións poden incorporar suxestións ou iniciativas e presentaranse no rexistro municipal. Tamén se poderán utilizar os medios electrónicos ou telemáticos establecidos polo Concello. As peticións realizadas colectivamente deberán permitir a acreditación da identificación dos peticionarios.

3. O Concello acusará recibo da petición no prazo máximo de 10 días e admitiraa a trámite, a non ser que concorran algunha das causas seguintes:

a) Insuficiencia da acreditación do peticionario ou peticionarios. No primeiro caso darase un prazo de 15 días para emendar a carencia de acreditación, transcorrido o cal entenderase desistido o procedemento.

b) O obxecto de petición non é competencia do Concello. Neste caso informarase desta circunstancia ao solicitante nun máximo de cinco días.

c) A petición ten un trámite administrativo específico.

d) A inadmisión por calquera outra causa será obxecto de resolución motivada no prazo de 45 días, a contar a partir do seguinte á data de presentación da petición.

4. Se é admitida a trámite, o Concello deberá responder ao peticionario nun prazo máximo de tres meses informando, se procede, das medidas que se tomaron ao efecto ou das actuacións que se previron adoptar.

Se a proposta chega a tratarse nalgún órgano colexiado municipal, quen actúe de secretario/a enviará ao propoñente, no prazo máximo de trinta días, copia da parte da acta da sesión correspondente.

O Presidente do órgano colexiado poderá requirir a presenza do autor da proposta na sesión que corresponda, co fin de que a explique ou defenda por si mesmo.

Artigo 4.–Dereito de audiencia.

1. Todas as persoas teñen dereito a ser oídas na tramitación dos procedementos ou na realización de actuacións municipais nos que se manifeste un interese lexítimo.

2. Con independencia da posibilidade de acceder á tramitación dos expedientes administrativos, de conformidade co establecido pola Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, este dereito pódese exercer mediante convocatoria municipal a iniciativa do Concello ou en base a unha proposta cidadá para tratar temas de interese cidadán.

Artigo 5.–Dereito á iniciativa cidadá.

1. A iniciativa cidadá permite a calquera persoa promover accións ou actividades municipais, tales como:

a) De acordo co artigo 70 bis.2 da LBRL, os veciños que gocen do dereito de sufraxio activo ás eleccións municipais poderán exercer a Iniciativa Popular presentando propostas de acordos, actuacións ou proxectos de regulamentos en materias de competencia municipal. Ditas iniciativas deberán ir subscritas como mínimo polo 20% dos veciños con dereito a voto. Deberán ser sometidas a debate e votación no Pleno, sen prexuízo de que sexan resoltas polo órgano competente por razón da materia. En todo caso requirirase o informe previo de legalidade do/a Secretario/a do Concello así como o informe do/a interventor/a cando a iniciativa afecte a dereitos e obrigas de contido económico do Concello. O Concello facilitará un modelo para a súa presentación onde deberá indicarse claramente a proposta e os motivos que a xustifican ou aconsellan.

b) O dereito a propor asuntos para a súa inclusión na orde do día do Pleno municipal. Para efectuar propostas sobre asuntos que deban incluírse na orde do día do Pleno e que non se refiran á iniciativa prevista no apartado anterior, esixirase que sexa solicitado por un mínimo do 10% das entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, as cales haberán de acreditar a súa vontade, mediante certificación do acordo da asemblea (ou Xunta Directiva) na que se decidiu. Igualmente, poderao solicitar calquera persoa empadroada no Concello, co apoio dun número de firmas non inferior ao 10 por cento das indicadas no mencionado artigo 70 bis, apartado 2 da Lei 7/1985 de 2 de abril. Cumpridos estes requisitos, o alcalde ou alcaldesa resolverá a solicitude motivadamente nun prazo máximo de 15 días.

c) O dereito a solicitar ao Concello que faga determinada actividade de interese público municipal comprometéndose os solicitantes a achegar medios económicos, bens, dereitos ou traballo persoal.

2. A solicitude para que o Concello realice determinada actividade de interese público municipal poderase formular por calquera cidadán ou cidadá ou grupos de cidadáns e cidadás mediante escrito que indique claramente que actuación se pide e que medios económicos, bens, dereitos ou traballo persoal pensan achegar os peticionarios para colaborar na súa realización. No caso de persoas menores de 16 anos os seus representantes legais deberán validar a petición. O escrito ten que conter o nome e apelido, da persoa asinante, o domicilio, o DNI e a súa firma. O órgano municipal competente comunicará ao peticionario, nun prazo máximo de 45 días, se é admitida a súa solicitude indicando, en caso afirmativo, que actuacións ou medidas se tomarán.

Artigo 6.–Dereito a presentar queixas, reclamacións e suxestións.

1. Todas as persoas teñen dereito a presentar queixas, reclamacións e suxestións respecto da actividade municipal e dos servizos públicos locais, sen prexuízo do seu dereito a interpor os recursos administrativos ou xurisdicionais pertinentes. Os medios de presentación de queixas, reclamacións e suxestións serán os establecidos no artigo 3 deste regulamento.

Artigo 7.–Dereito de intervención nos Plenos municipais por asociacións.

1. As sesións do pleno son públicas, salvo nos casos previstos no artigo 70.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril

2. Non son públicas as sesións da Xunta de Goberno Local (de existir) nin das Comisións Informativas. Non obstante, ás sesións destas últimas poderán convocarse, para os únicos efectos de escoitar o seu parecer ou recibir o seu informe respecto a un tema concreto, a representantes das asociacións ou entidades debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.

3. Cando algunha das asociacións ou entidades debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, desexe efectuar unha exposición perante o Pleno en relación con algún punto da orde do día co cal se poida estimar que teña interese específico en razón a relación co obxecto social estatutario no que interveña como interesado, poderá expoñer o seu parecer, a través dun único representante, con anterioridade á lectura, debate e votación da proposta incluída na orde do día.

Para os efectos anteriores, a solicitude dirixida ao alcalde deberá presentarse no Rexistro municipal cando menos con un día hábil de antelación á celebración do Pleno, debendo constar nela unha sucinta motivación do pedimento así como os datos da persoa que, de ser autorizada, realizaría a exposición.

A Alcaldía, unha vez consultados os portavoces dos grupos municipais, autorizará ou denegará o solicitado. De ser concedida, a exposición realizarase nunha única intervención, nun tempo que, en función do asunto a tratar, fixará previamente o Alcalde e que, en ningún caso será inferior aos cinco minutos. En cada Pleno haberá un máximo de dúas intervencións.

4. Acabada a sesión do Pleno, o alcalde ou alcaldesa poderá establecer unha quenda de rogos e preguntas co público asistente sobre temas concretos de interese municipal. Corresponde ao alcalde ou alcaldesa ordenar e pechar esta quenda. Para o desenvolvemento da quenda de referencia terase en conta as seguintes normas:

a) A petición de participar na quenda en cuestión deberá formularse por escrito coa antelación necesaria para que o alcalde ou alcaldesa poida dar conta dela, aos/as voceiros, e neste escrito farase constar en forma breve pero motivada o asunto a tratar que, en todo caso, deberá referirse sempre a tema incurso na competencia municipal, é dicir, que o Concello poida pronunciarse sobre eles. Tampouco non poderá versar sobre temas que estean pendente de resolución, ou que fosen previamente contestados. En caso de discrepancia dos solicitantes sobre a cualificación do tema en relación coa competencia municipal ou a situación pendente de resolución do mesmo, o alcalde ou alcaldesa, consultado os voceiros, cualificará a procedencia, ou non, da consideración do asunto.

b) No escrito citarase a persoa que deba intervir en nome do colectivo

c) O escrito de referencia presentarase no Rexistro Xeral do Concello.

Artigo 8.–Dereito a intervención nos Plenos por persoas inscritas no censo electoral.

Tódalas persoas físicas inscritas no censo electoral teñen dereito a intervir nas sesións ordinarias do Pleno, unha vez levantada a sesión, quedando polo tanto fora da acta de sesión, de acordo coas prescricións seguintes:

a) A intervención terá que ser solicitada á Alcaldía por escrito con unha antelación mínima de 1 día hábil previo á realización da sesión, por medio de escrito debidamente motivado.

b) O número máximo de intervencións en cada sesión será de dúas elixidas por orde de rexistro.

c) A Alcaldía poderá denegar a intervención nos seguintes casos:

I). Se é un asunto sobre o que o Concello non ten competencias.

II). Se xa se presentou noutra sesión outra petición sobre o mesmo ou similar asunto nos tres meses anteriores.

d) A persoa solicitante disporá de dez minutos para facer a súa intervención despois de finalizada a sesión. Poderá ser contestada polo Alcalde ou concelleiro competente, sen que poida haber dereito de réplica do solicitante.

Artigo 9.–Dereito á consulta popular ou referendo.

1. Todos os cidadáns e cidadás inscritos no Censo electoral teñen dereito a ser consultados directamente sobre asuntos do seu interese, así como promover a consulta popular ou referendo de acordo co artigo 70 bis da Lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local.

2. A consulta popular ou referendo non poderá consistir nunca en materia tributaria e terase que referir a ámbitos da competencia municipal. Dentro dunha mesma consulta pódese incluír máis dunha pregunta.

3. Para acordar a súa realización será necesario o acordo por maioría absoluta do Pleno municipal e tramitar a correspondente petición ao órgano competente do Estado.

4. Non se poderán facer, cada ano, máis de dúas consultas das indicadas neste artigo e non se poderá reiterar unha mesma consulta dentro do mesmo mandato.

5. O resultado da consulta popular deberase someter á consideración do Pleno no prazo máximo de dous meses despois de realizado o referendo.

Artigo 10.–Dereito a unha política municipal de fomento das asociacións.

Todas as persoas teñen dereito a que o Concello impulse políticas de fomento das asociacións a fin de reforzar o tecido social do concello e para o desenvolvemento de iniciativas de interese xeral. O Concello, na medida das súas posibilidades, favorecerá o desenvolvemento das entidades e asociacións de participación cidadá.

As Entidades e Asociacións de Participación Cidadá terán dereito a:

a) Recibir información directa sobre os asuntos que sexan do seu interese.

b) Facer propostas sobre os asuntos que afecten aos seus intereses e aos dos seus representados no ámbito de competencia municipal así como o exercicio do dereito de petición de medios ou axudas de acordo cos recursos orzamentarios.

c) Facer uso dos medios públicos municipais, especialmente dos locais sociais, nas condicións que determine a Administración Municipal.

d) Inscribirse no Rexistro Municipal de Entidades e Asociacións de Participación Cidadá.

Artigo 11.–Dereito de reunión.

Todas as persoas teñen dereito a usar os locais, equipamentos e espazos públicos municipais para exercer o dereito de reunión sen máis condicionantes que os derivados das características do espazo e as ordenanzas municipais, así como do cumprimento dos requisitos esixidos cando se trate de reunións en lugares de tránsito público ou manifestacións, de acordo coa Lei Orgánica 9/1983 Reguladora do Dereito de Reunión.

Artigo 12.–Promoción efectiva dos dereitos de participación.

1. O Concello promoverá o exercicio efectivo dos dereitos de participación que se regulan neste regulamento, removendo os obstáculos que impidan a súa plenitude.

2. De acordo con este regulamento, os dereitos de participación, a excepción do de consulta popular ou referendo, pódense exercer por calquera persoa que teña un interese lexítimo respecto dos asuntos que teñen que ver coa actividade do Concello. O dereito de consulta popular ou referendo só poderán exercitalo as persoas inscritas no Censo Electoral que non estean privadas do dereito de sufraxio.

3. No marco establecido polas leis, o Concello fomentará o asociacionismo das persoas e dos grupos que se atopan en peor situación de interlocución social e promoverá a participación dos inmigrantes.

Artigo 13.–Os medios de comunicación locais. A Radio Municipal.

1. O Concello fomentará o acceso á radio municipal dos/as cidadáns/as e asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. Para facilitar o uso dos medios de comunicación municipais estableceranse canles e prazos, segundo as características do medio e o interese manifestado. Procurarase especialmente dar a coñecer os proxectos e actuacións de interese municipal, os períodos de información pública e a axenda de actividades.

2. Na medida que o permita a súa capacidade económica e técnica, o Concello promoverá a radio municipal e a difusión de espazos nos que, ademais da información do Concello, se poidan facer debates e consultas aos responsables políticos respecto das cuestións de competencia municipal e de interese local, solicitar a opinión dos diferentes axentes sociais e facer difusión dos actos e procesos de participación cidadá que se produzan.

Artigo 14.–A páxina web municipal e o correo electrónico cidadán.

1. Na medida das súas posibilidades o Concello porá a disposición da cidadanía a páxina web onde se poderá informar das actuacións de interese xeral, dos acordos dos órganos de goberno e do Pleno Municipal, así como dar a coñecer a rede asociativa local e a axenda de actividades máis relevantes para o municipio.

2. Esta páxina web informará, co máximo detalle posible, sobre os proxectos de importancia para o municipio. Igualmente poderanse facer consultas e realizar os trámites administrativos mediante os procedementos que no seu día se acorden. Impulsarase na páxina web un espazo onde se poidan presentar ideas, opinións, suxestións, foros de debate sobre temas de interese municipal e similares.

3. Na medida que se xeneralice o uso dos recursos tecnolóxicos, o Concello desenvolverá progresivamente un forum ou rede informática cívica, aberta a todas as persoas residentes no Concello.

Artigo 15.–Ordenanza xeral de subvencións.

1. O pleno Municipal deberá aprobar unha Ordenanza Xeral de Subvencións, onde ademáis doutros, se estipulen os criterios xerais e concretos polos que as asociacións e entidades locais rexistradas teñen dereito á presentación de solicitudes que conleven á posible concesión dunha subvención para desenvolver a actividade propia do seu obxecto social.

2. Ademais da Ordenanza Xeral de Subvencións será de aplicación a lexislación vixente en materia de subvencións e outras axudas públicas.

DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado no B.O.P e transcorrido o prazo de quince días hábiles ao que se refire o artigo 70, nº 2, en relación co artigo 65, nº 2 da Le7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e comezará a aplicarse a partir do día seguinte a aquel no que iso se cumpra, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Contra o presente Acordo, interporase recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a contar dende o día seguinte a publicación do presente anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, de 13 de Xullo, da Xurisdición Contencioso-Administrativa.

Corcubión, 15 de maio de 2015.