O PP volve a impedir o saneamento integral da ría
As asembleas locais do BNG de Corcubión e de Cee a través dos seus responsables locais denuncian que o PP unha vez máis volve a impedir a rexeneración da ría de Corcubión, e a súa deputada Marisol Piñeiro volve a mentir ao botarlle a culpa ao BNG, único partido que xa levou varias propostas ao parlamento galego e europeo para que se cumpra tal fin. Minte a señora Marisol Piñeiro cando di que o BNG é o culpable de que non se aprobe a resolución xa que a súa maioría é a que impediu que saíra adiante a proposta do BNG do pasado 23 de Maio na que se instaba a Xunta a iniciar de inmediato e sen máis demora o saneamento integral da ría de Corcubión, a fin de cumprir os estándares europeos de cualidade da auga para baño e marisqueo, sobre de todo cando xa a Comisión Europea iniciara no 2010 un expediente de infracción diante do incumprimento das Directivas nestas materias..
A proposta do BNG é clara, xa que se pide un compromiso de mínimos para iniciar o saneamento inmediato da ría, e que a Xunta deixe de estirar no tempo a súa promesa de saneamento para a cal xa no 2010 prometera 3 millóns de euros, polo cal cábese preguntar onde están; xa que fóra de actuacións moi puntuais de eliminación de puntos de verquido concretos, segue pendente o saneamento integral da ría, tal e como reiteradamente están a demandar diversos colectivos cidadáns e, especialmente, a agrupacións de mariscadores e mariscadoras da ría, e as cales dende o BNG sempre apoiamos.
O PP usando o pisón como fai habitualmente coas propostas da BNG actúa con total desleixo para cos veciños da contorna da nosa ría unha vez máis e intenta desviar a atención ao non se comprometer na súa emenda a que os traballos empecen de inmediato, ademais de querer intentar facer participes dos traballos aos concellos de Cee e Corcubión, cando a situación financeira deste concellos fai totalmente inviable que podan facerse cargo de tal fin, e cando as competencias en materia de saneamento corresponden dende o 2001 a Xunta de Galicia.
O PP sigue así condenando ao sector marisqueiro da ría a desaparición total, sin esquecer do que tamén lle afecta a outros sectores como o turístico.
Como veciños cabe preguntarse tamén de que sirve o canón de saneamento que pagamos mes tras mes.