O BNG culpa ao concello de ser o único responsable do caos producido ca peonización de rúas
O BNG xunto co PSOE e a abstención do PP deron luz verde no pleno do pasado Maio ao Regulamento de Tráfico presentado polo concello e no que recolleron melloras aportadas polo Grupo Municipal do BNG.
Dito Regulamento recollía entre outros moitos puntos a posibilidade de levar a cabo a peonización de rúas do casco histórico. Unha peonización que o BNG non esconde que sempre perseguiu, defendeu e defende, xa que entendemos que se consigue así devolver as rúas aos peóns e revalorizar o entorno do casco histórico como pasa na case totalidade das vilas históricas de Galiza, e que estamos seguros que potenciará turisticamente o centro corcubiones.
Dende o BNG entendemos que este tipo de medidas poden ser ao principio mal acollidas polo cal lle solicitamos ao concello que entre outras medidas se establecera un período de proba e un traballo de sensibilización ca cidadanía recadando a súa opinión; opinión que parece que o concello non se molestou en recadar; como tampouco parece, que en tres meses o concello se preocupase de estudar como levar a cabo esa peonización.
É por esto que no BNG non entendemos como o alcalde ten a inmoralidade de culparnos do despropósito no que o concello converteu as rúas de Corcubión ao peonizar unha parte do casco histórico. Unha peonización que solo o concello ten a facultade de facer.
Neste caso o único que existiu como xa ven sendo costume no goberno bicefálico corcubiones é unha nefasta e chapuceira xestión dunha obra que debería de revitalizar e mellorar a mobilidade nas rúas corcubionesas.
O concello non pode escudarse nos demais para esconder a súa total ineptitude e impericia a hora de levar a cabo as súas tarefas de goberno.