O BNG proporá a creación dun Arquivo de Bens Inmateriais do Concello de Corcubión

O BNG proporá a creación dun Arquivo de Bens Inmateriais do Concello de Corcubión

 

O  BNG  levará ao  Pleno Extraordinario que se celebrará o vindeiro Martes día 29 de abril as once  da maña a proposta de creación dun Arquivo de bens Inmateriais do Concello de Corcubión.

Esta iniciativa que lanzamos  dende o BNG,  ten como obxectivo a acumulación dos bens que constitúen o  patrimonio humano, histórico  e cultural  deste pobo baixo a responsabilidade da Institución Municipal. Unha iniciativa dedicada ó coñecemento, difusión, sensibilización  e protección do patrimonio inmaterial cultural do noso pobo. Unha iniciativa que hoxe, se cabe, ten aínda  maior importancia, con unha vila languidecendo coa usurpación de servizos que se están a producir nos últimos anos.

Consistiría na creación dun Banco de Datos ou Arquivo Municipal Especial onde se poida gardar, clasificar, ordenar ou consultar documentos. Censos e biografías de veciños e veciñas preocupados polo benestar dos corcubioneses e corcubionesas. Veciños ilustres ou destacados pola súa humanidade, doazóns ou legados. Publicacións de estudos relacionados ca historia de Corcubión ou obras de autores corcubioneses xa sexan de historia, poesía, novela, revistas, etc.  Hemeroteca con documentos de acontecementos dos séculos pasados ata os máis recentes. Fondos fotográficos especialmente da paisaxe urbana, edificios, monumentos, rúas, oficios artesáns, festas, romarías e todas as tradicións que son parte da nosa identidade cultural, etc.

A experiencia indica que non bastan os esforzos das Institucións para a recuperación, protección, conservación e restauración dos bens históricos e culturais polo que son necesarias as achegas e participación activa dos cidadáns así como do uso responsable dos bens que forman parte do noso patrimonio.

Esta proposta que lanzamos dende o BNG e que espera contar co apoio de todos os partidos e dos veciños e veciñas de Corcubión  está baseada esencialmente no recoñecemento e agradecemento a aqueles cidadáns que con enorme xenerosidade e esforzo deixaron un legado que hoxe forma parte do noso patrimonio. En palabras do voceiro municipal Xabier Paz “A nós correspóndenos en agradecemento perpetualos no tempo, porque os pobos que non honran a seus benfeitores nin os terán nin os merecen

O BNG considera que se debe poñer en valor o noso patrimonio histórico, artístico, monumental e cultural.  Un patrimonio que está agochado oficialmente e desgraciadamente tamén ignorado socialmente.

 

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.- Promover  e iniciar o proceso da creación do Arquivo Municipal Especial  dos Bens Inmateriais que constitúen o  patrimonio humano, histórico  e cultural  de Corcubión.

O rexistro deses bens farase nunha das seguintes seccións:

I.- Rexistro dos Saberes, onde serán inscritos coñecementos e modos de facer enraizados no cotián da comunidade.

II - Rexistro das Celebracións, onde serán inscritos rituais e festas que marcan a vivencia colectiva do traballo, da relixiosidade, do entretemento e de outras prácticas da vida social

III - Rexistro das Formas de Expresión, onde serán inscritas manifestacións literarias, musicais, plásticas, escénicas e lúdicas

IV - Rexistro dos Lugares, onde serán inscritos mercados, fontes, santuarios, prazas e demais espazos onde se concentran e reproducen  prácticas culturais colectivas.

V – Rexistro dos Persoeiros, onde serán inscritas persoas destacables no ámbito socio-cultural e cuxa vida, obra ou traballo resultara beneficioso para o pobo.

Outras seccións poderán ser abertas para a inscrición de bens culturais de natureza inmaterial que constitúan patrimonio cultural  e non se encadren  nas  definidas antes.

A instrución dos procesos de rexistro constará de descrición pormenorizada do ben a ser rexistrado, acompañada da documentación correspondente e deberá mencionar todos os elementos que sexan culturalmente relevantes. Tamén recollerá o nome da persoa/s que informa ou achega o ben obxecto de rexistro.

 

2.- O Concello como responsable e coordinador deste proxecto terá a súa total titularidade

 

3.- A sede do Arquivo estará no termo municipal de Corcubión.

 

4.- Iniciar un proceso de diálogo cas diferentes entidades, asociacións culturais e particulares co fin de recompilar, recibir e obter a maior información documentada posible.

 

5.- Solicitar as axudas necesarias ás distintas administracións para a realización deste proxecto e destinar estas axudas á súa promoción e difusión.

 

6.- Garantir a visitabilidade e o acceso gratuíto á información e estudo.

O BNG proporá a creación dun Arquivo de Bens Inmateriais do Concello de Corcubión