O BNG solicitará nun pleno extraordinario a dimisión dos concelleiros imputados
O BNG de Corcubión vén de solicitar un pleno extraordinario no que esixirá a dimisión do alcalde e dos dous concelleiros imputados.
O BNG non recorre a Instancias Xudiciais para desprazar a un alcalde ou goberno municipal, pero amosou en repetidas ocasións o seu desacordo ante o que lle pareceu un acto de dubidosa legalidade, e unha actuación politicamente reprobable: o pagamento da defensa do alcalde con cargo á veciñanza de Corcubión.
Logo de coñecer a recente imputación do Tenente de Alcalde por este feito, entendemos que a situación do noso Concello é insostible. Que tres dos catro membros do grupo de Goberno estean imputados por diversas causas, está a prexudicar gravemente a imaxe do municipio corcubionés, a xerar a desconfianza da veciñanza , e a comprometer a xestión cotiá do noso pobo.
O BNG, aínda respectando a presunción de inocencia no eido persoal, sempre practicou e defendeu a mesma liña con coherencia: a incompatibilidade entre imputación e representación institucional, garantindo así a máxima transparencia dos cargos públicos. Compre facer un exercicio de honestidade política para non deteriorar máis a Institución Municipal, e por respecto ás veciñas e veciños de Corcubión.